https://www.youtube.com/watch?v=Qv5zpSUdbL8&t=3s

Sinte o encanto, vive a lenda!

Leva con Ourives de Compostela o encanto e a maxia de Santiago.
Vive a experiencia e entra a formar parte da lenda.

COÑECES A HISTORIA? DESCÚBREA

Unha historia a través dos séculos

O Camiño, orixe e destino.

A historia de Santiago de Compostela e o seu Camiño está chea de multitude de lendas, mitos e historias persoais de transformación e superación. A tradición da ourivería compostelá debe a súa orixe á actividade xurdida arredor da construción da Catedral no século IX. Hoxe é unha das súas herdanzas máis valiosas, símbolo de séculos de peregrinacións, mostra da maxia da cidade e da enerxía que tódolos seus visitantes comparten ano tras ano.

Que ten Santiago de Compostela que te conquista e atrapa? A súa maxia, o seu carisma, a súa potencia...

Os ourives, os heroes.

Custodios e transmisores dunha arte ancestral

Os mestres ourives conservaron as antigas técnicas manuais e tradicionais ao longo dos séculos. Familias de artistas que transmitiron todo o seu saber de pais a fillos. Na actualidade, son depositarios dun antiguísimo legado cuxo valor artístico e histórico é inigualable.

A ourivería con prata e acibeche

Prateiros e Acibecheiros

Dende a súa fundación, a cidade de Compostela tivo na catedral xacobea o seu verdadeiro sentido e razón de ser, que non só impulsou a creación e crecemento da propia cidade, mais irradiou a súa influencia artística en tódalas direccións.

Os prateiros e acibecheiros foron, sen dúbida, os gremios privilexiados de Santiago. Ámbalas dúas disciplinas constitúen os oficios máis antigos e singulares da cidade e a calidade e peculiaridade da súa arte son indiscutibles a nivel universal.

Podemos seguir as pisadas dos mestres composteláns dende a Idade Media ata os nosos días en pezas destacadas que se conservan en museos, catedrais, igrexas e mosteiros dos cinco continentes.

Nos obradoiros artesáns e comercios actuais que manteñen viva a tradición nos mesmos lugares aos que os antigos gremios deron nome: a Praza das Praterías e a Rúa da Acibechería.

A súa extraordinaria relevancia dotou dunha importancia crucial na cidade aos gremios de San Eloy (prateiros) e San Sebastián (acibecheiros) ao longo da historia.

O acibeche

A pedra de orixe vexetal

O acibeche é un mineraloide orixinado baixo terra, froito das altas presións ás que foron sometidos os troncos de árbores das familias Araucaráceas e Protopináceas. A súa orixe remóntase á Era Mesozoica, nas súas fases segunda e terceira, Xurásico e Cretácico, respectivamente. Conformouse durante un período duns 150 millóns de anos.

A súa escaseza, brillo, tacto e singularidade danlle dende ben antigo calidades máxicas e enigmáticas. Por iso utilízase como amuleto e fonte de protección ou fortuna para cantos residen ou visitan Compostela.

Ourivería de culto relixioso

Dende os seus inicios, prateiros e acibecheiros realizaron encargos destinados ao culto relixioso elaborando pezas únicas creadas con metais nobres e pedras preciosas. Actualmente, séguense realizando este tipo de encargos ademais de traballos especializados de restauración de pezas antigas.

A maxia das Xoias Ourives

Historia, tradición e cultura únense á innovación deseño e vangarda.

Impregnadas da esencia da súa orixe ancestral, conviven exemplares de marcado carácter tradicional con deseños de autor que incorporan ao saber facer ourive, novas técnicas innovadoras.

Tódalas xoias Ourives de Compostela acompáñanse da súa etiqueta como certificado de autenticidade que garante que o produto ao que corresponde é un exemplar pertencente ás coleccións Ourives de Compostela, creado en obradoiros de ourivería tradicional autorizados, feito a man, con materiais da máis alta calidade e seguindo a tradición ourive compostelá.

Tradición e Cultura

O encanto “do noso”.

Os deseños máis tradicionais, símbolo da cultura galega, máis de actualidade que nunca.
Prata con baño de ouro. Técnica tradicional.

Clásicos renovados

Dende sempre, para sempre.

Xoias coa esencia da ourivería clásica de Compostela, detalles impecables e materiais e acabados de alta calidade.
Prata e acibeche. Técnica tradicional.

Minimalismo, funcionalidade

A beleza na pureza.

Deseños actuais, funcionais e belos. Feitos co rigor, calidade e acabado das técnica ourives tradicionais.
Prata e acibeche. Técnica tradicional.

Deseño e vangarda

O poder da innovación.

Deseños de autor que desafían as formas, técnicas innovadoras que se fusionan coas tradicionais mantendo intacta a súa calidade.
Fusión técnicas tradicionais e contemporáneas.

Emblemas, amuletos

A maxia do Camiño.

Os auténticos emblemas e amuletos orixinais do Camiño de Santiago: dende os máis tradicionais como os que encargaban antigamente os peregrinos para a protección e boa sorte (como cunchas e figas de acibeche) ata os máis actuais con novas técnicas e aplicacións en cores.
Prata: técnica tradicional. Esmaltado a lume en cor.

O pasado fonte de futuro

Os obradoiros e mestres ourives que aínda existen en Compostela están en risco de desaparecer.

Eles son os herdeiros dunha antiga estirpe de ourives cuxas obras chegaron a tódolos recunchos do mundo.

É indispensable dar a coñecer e protexer o rico patrimonio do seu legado e poñelo en valor coma un feito diferencial intimamente ligado á cidade de Santiago de Compostela.

O labor de investigación e divulgación deste traballo artesanal, a revalorización dos produtos únicos e feitos a man por mestres ourives poderán ser a fonte de riqueza para a cidade e animar as novas xeracións a aprender esta mestría.

QUERES FORMAR PARTE DO PROXECTO? Consulta como

Directorio de asociados

Ourives de Compostela foi fundada hai máis de 30 anos froito da inquietude dos mestres ourives de Santiago de Compostela por coidar este milenario oficio e poñelo en valor.

Aquí podes atopar os datos de contacto dos membros da asociación, coñecer os seus proxectos e consultar onde comprar produtos Ourives de Compostela. Socios

Contacta connosco

Interésache coñecer a fondo o proxecto de Ourives de Compostela e participar en calquera dos seus ámbitos de actuación: docencia, obradoiros, venda, documentación histórica?

Queres saber onde adquirir produtos Ourives de Compostela tanto en tendas como de venda en liña?

Déixanos a túa mensaxe e informarémoste de todo o que precises para comezar a formar parte desta lenda: