Skip to main content

A Asociación Ourives de Compostela

Creando un futuro con raíces profundas

A asociación agrupa obradoiros, ourives e comercios.

Plan Estratéxico da OURIVERÍA de Santiago de Compostela

MISIÓN
VISIÓN

Preservación da Tradición

Salvagardar as técnicas e habilidades artesanais que caracterizan a ourivería compostelá.

Promoción da cultura local

Destacar e difundir a importancia histórica e cultural dun sector que estivo intrinsecamente vencellado á historia da nosa cidade desde a súa propia fundación

Formación e Educación

Impulsar a formación de novas xeracións nestes oficios e proporcionar un espazo de colaboración e aprendizaxe para os membros do gremio.

Difusión da Ourivería Compostelá

Achegamos ao público xeral esta rica herdanza cultural e artística promovendo exposicións, obradoiros, conversas, conferencias e demostracións en vivo do traballo dos nosos artesáns e dos que lles precederon.

Garantir a Calidade

Crear, promover e consolidar unha marca distintiva que garanta ao público que os produtos que compra son auténticos, feitos a man e con materiais de alta calidade.

VALORES

1. Herdanza e evolución

Valoramos e honramos a herdanza da ourivería compostelá, unha tradición sen par que chega a nós dende hai máis de mil anos, transmitida de xeración en xeración.
É unha responsabilidade, unha honra e unha obriga protexer e salvagardar esta herdanza que nos conecta de xeito profundo coa nosa historia e nos entrega as ferramentas para construír un prometedor futuro.

2. Prata e Acibeche

O traballo con prata e acibeche son únicos e distintivos da ourivería compostelá. Estes materiais nobres son a base dos nosos oficios e unha parte fundamental do noso legado.

3. Autenticidade

A ourivería utiliza técnicas tradicionais e materiais de alta calidade. ​​Cada peza é xenuína, elaborada a man e dun valor renovado, nun mundo ateigado de imitacións e produtos en serie.

4. Innovación e Tradición

A ourivería compostelá segue viva, tal e como permaneceu dende hai máis de mil anos.
Novos deseños e técnicas vanse engadindo ós tradicionais, enriquecendo o gran legado gremial creando pezas contemporáneas que salientan pola súa singularidade e beleza. Destacando sobre todo as xoias e pezas de adorno persoal.

5. Herdanza Cultural

Valoramos profundamente a nosa conexión coa cidade de Santiago de Compostela e o Camiño de Santiago. As nosas creacións reflicten a maxia da cidade e a súa importancia na creación de pezas, tanto relixiosas como civís. Somos parte activa da cultura local e promovémola con paixón.
A tradición ourive de Compostela é un legado artístico e histórico valioso que se transmitiu de xeración en xeración. En Ourives de Compostela, estamos comprometidos en protexer e poñer en valor este patrimonio cultural, asegurando que perdure para as xeracións futuras.

6. Protección do Patrimonio Artístico e Histórico

A ourivería compostelá estivo tradicionalmente vencellada ao culto relixioso, creando pezas únicas con metais nobres e pedras preciosas tanto para a Igrexa como para os devotos; algunhas delas de gran valor artístico e histórico. Tamén salienta a produción para a sociedade civil de pezas relixiosas e outras máis prosaicas.
A restauración e conservación hoxe en día destas pezas é tamén un importante labor como parte da protección do patrimonio artístico e histórico.

ACTUALIDADE

A finais do mes de setembro de 2023, Enrique Fink asumía a presidencia do gremio de prateiros e acibecheiros de Santiago. Entregoulle o relevo Arturo Ouro, presidente desde o segundo semestre de 2018. Finalizada unha etapa, toca facer balance do acometido nos últimos anos e preparar o futuro inmediato, a medio e longo prazo.

O mandato de Ouro tratou de asentar o futuro do gremio sobre a base do seu esplendoroso pasado. A antigüidade dos oficios que representa, que se remontan en Compostela a hai máis de mil douscentos anos, non ten parangón en ningunha outra cidade. Constitúe un caso de continuidade de actividades artesanais emblemático a nivel mundial, e os actuais ourives non teñen intención de baixar os brazos. Ao contrario, pretenden facer cada día algo máis grande, constituíndo un referente do que se amosen orgullosas a súa cidade e toda Galicia.

Para trazar o futuro do gremio, a primeira actuación de Ouro foi confeccionar un Plan Estratéxico que definise a folla de ruta a seguir para poñer en valor os oficios máis xenuinamente composteláns, abrindo portas para a súa continuidade nun futuro a medio e longo prazo. O acto de presentación do Plan Estratéxico deu boa medida do afecto que a cidade de Santiago profesa pola súa ourivería. Centos de persoas, entre as que se encontraban nada menos que catro alcaldes da cidade, ateigaron o Paraninfo da Facultade de Historia, nunha mobilización que removeu os alicerces da decadencia que viña atravesando o sector e serviu de chamada de aviso para comezar o seu renacemento.

Obtido o apoio das Administracións públicas para o proxecto, o plan comezou a se materializar. Arrincou 2020, en xaneiro, coa sinatura do convenio de colaboración entre o Reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, e a asociación de “Ourives de Compostela”, xermolo dalgún dos fitos máis relevantes dos últimos anos para o gremio.

En febreiro de 2020, constituíuse a Mesa de seguimento do Plan Estratéxico, presidida polo alcalde Sánchez Bugallo e integrada por representantes da Xunta de Galicia, Deputación provincial e a USC, ademais da propia asociación e do Concello. Cada reunión da Mesa, que se revelou como un magnífico soporte para a implantación do Plan, supón un pulo para os proxectos de revitalización do sector.

Trala paralización imposta pola pandemia da Covid-19, e coa desaceleración que supuxo para varias iniciativas, no Nadal de 20-21 desenvolveuse unha campaña de promoción do Nadal nos establecementos comerciais asociados, complementada con exhibicións na Praza de Abastos.

O verán de 2022, tras sucesivos aprazamentos derivados do período pandémico, celebrouse a magna exposición do Pazo de Fonseca. Grazas á colaboración da Universidade e co apoio económico das tres Administracións integrantes da Mesa, levouse a cabo unha mostra extraordinaria, pola súa calidade e pola repercusión que alcanzou entre galegos e foráneos. Desde a súa inauguración ata a súa clausura, o paso de visitantes foi incesable, superándose os 87.500, con xornadas que alcanzaron as 2.000 persoas. Complemento da exhibición de pezas no Salón Artesoado -de prata e acibeche como fío condutor-, na Capela do pazo preparouse un espazo de traballo en vivo dos ourives, así como de divulgación audiovisual. Esta exposición, que permitiu a publicación dun libro de contextualización histórica da ourivería compostelá, sentou un auténtico punto de inflexión na consideración social do fenómeno ourive.

A continuación, as máis importantes feiras de turismo españolas do ano 2023, encabezadas por Fitur Madrid -considerada a número un mundial- recibiron os Ourives de Compostela, con exhibicións en vivo do seu traballo -como reclamo e emblema de Galicia, grazas á invitación da Axencia de Turismo de Galicia. Barcelona e Bilbao foron tamén anfitrioas da representación dos ourives, e Valladolid aínda o será o próximo mes de novembro.

Continuando coa posta en valor do esplendoroso pasado da nosa ourivería, entre os meses de abril e setembro de 2023 tivo lugar na sede de Afundación de Vigo outra gran exposición, organizada en colaboración coa propia entidade bancaria e patrocinada pola Axencia de Turismo de Galicia. Con exhibicións en vivo e visitas programas de centros escolares e outros colectivos, a mostra concitou o interese e gabanza do público, entre o que se encontrou o presidente da Xunta de Galicia.

Non menos relevante, e tras varios anos de preparación e trámites, no presente curso académico 2023/24 implantouse na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo un ciclo superior especializado para a ensinanza dos oficios ourives ás novas xeraciónsgrazas ao afán do gremio, co apoio do propio centro e da Consellería de Educación..

Repasadas as actuacións do seu mandato, Arturo Ouro amósase moi satisfeito: “Alcanzamos metas que fican aí, para a posteridade. A dignificación dos oficios de prateiro e acibecheiro era o primeiro, para concitar o apoio dos poderes públicos e para recuperar o valor no mercado. Os alicerces están postos, déronse pasos moi importantes, que parecían inalcanzables hai moi pouco. Agora hai que seguir cara adiante, non frear, plasmar este traballo nun futuro mellor para o gremio. Cando comezamos co Plan Estratéxico, marcámonos como obxectivo a transformación do sector para o Ano Santo 2027, e creo que imos conseguilo. Hai que ir pasando a batuta duns a outros presidentes, pero sempre apoiándonos, co mesmo obxectivo.”. Cando comezamos co Plan Estratéxico, marcámonos como obxectivo a transformación do sector para o Ano Santo 2027, e creo que imos conseguilo. Hai que ir pasando a batuta duns a outros presidentes, pero sempre apoiándonos, co mesmo obxectivo.”.