Nos albores do século IX prodúcese a inventio dos restos do apóstolo Santiago no bosque do Libredón. A partir da lexitimación das reliquias por parte de Teodomiro, bispo de Iria Flavia, e o rei Alfonso II, nace o santuario que antecede á nosa actual Catedral, ao redor da cal vai xermolando a cidade de Compostela. Sendo esta Fábrica o corazón e razón de ser da urbe, esta aglutinou ao seu redor aos principais artistas que a nutriron de obras, entre eles, ao seu gremio protexido, o de San Eloi, que como na maioría das cidades europeas, reuniu aos prateiros baixo a advocación e protección do bispo ourive.
Irmandade de Cambeadores
Non podemos determinar en que momento se agrupan os prateiros de Santiago baixo un sistema gremial, pero sabemos que estiveron ligados ao que debeu ser o primeiro gremio compostelán, a lendaria irmandade de cambeadores, que, como resulta lóxico nunha cidade á que acudían milleiros de peregrinos de toda Europa, encargábanse de ofrecer cambio monetario. López Ferreiro fálanos dun documento que contén unha concordia entre ourífices e cambeadores, datada en 1298, que demostra as obrigas conxuntas de ambos os gremios e a súa estreita vinculación, encargándose, entre outras cousas, de regular o prezo da prata.
Os Concheiros
Pola súa banda, os acibecheiros teñen o seu antecedente noutro lendario gremio compostelán, o dos concheiros, cuxas raíces afondan no fenómeno da peregrinación e a necesidade de ofrecer pequenas cunchas, símbolo do Camiño a Compostela, para todos aqueles que quixesen levar un recordo material da súa viaxe espiritual. Este gremio foi paulatinamente substituído polo dos acibecheiros, baixo a advocación de San Sebastián, que comezaron a labrar estas cunchas en acibeche, en estreita vinculación histórica cos prateiros.
O gremio dos prateiros composteláns situouse xeograficamente ao redor da propia Catedral, dende a Porta Santa ata a por iso chamada praza das Praterías. Os acibecheiros agrupáronse na zona norte da Catedral, aínda hoxe coñecida como rúa da Acibechería. En ambas as zonas aínda permanecen hoxe algunhas das súas tendas abertas ao público, nos lugares ocupados historicamente polos obradoiros artesanais e tendas destes artífices.
Prateiros e acibecheiros abasteceron de pezas a unha cidade nada á calor dunha devoción e por iso chea de igrexas, e crearon suntuosas pezas para unha Catedral que necesitaba autorreafirmarse constantemente como un dos epicentros da Cristiandade. Por iso demandaba obras para o culto e agasallos diplomáticos para intercambiar con importantes personalidades que a visitaban. Por exemplo, dende a Idade Moderna, era habitual que os mandatarios eclesiásticos e políticos que presentaban a ofrenda a Santiago o 25 de xullo recibisen un cadro de prata coa efixie do Apóstolo, rexistrándose o encargo de máis de mil de obras deste tipo ao longo da historia. Por suposto, tamén realizaron numerosas pezas para unha constante corrente de peregrinos que desexaban levar un recordo da meta espiritual do seu camiño, tomando gran protagonismo nestas obras o acibeche; así como obras para a clientela civil da cidade, especialmente relevante a partir do século XIX, cando a burguesía comezou a embelecer as súas coleccións domésticas con espectaculares vaixelas, bandexas con escenas iconográficas, ou pezas de devoción privadas como benditeiras.