Artes suntuarias
Pratería e ourivaría son termos equivalentes e ambos se refiren á arte de labrar pezas en prata e ouro. Ao ser unha arte realizada con metais preciosos moi escasos, a pratería foi unha arte moi apreciada ao longo da historia. Para que nos fagamos unha idea, as pezas de pratería tiñan moito máis valor na Idade Moderna que calquera cadro ou escultura, paradigma que cambiou a partir do nacemento da Historia da arte no século XVIII, que decidiu elevar estas disciplinas á categoría de “Belas Artes” e relegar á pratería e a acibechería —xunto con outras inmensamente apreciadas como os tapices, a porcelana, os esmaltes, os marfís, etc.— á categoría de “Artes Decorativas”. Esta distinción resulta paradoxal, tendo en conta que a función dun cadro ou unha escultura é principalmente “decorar”, mentres que artes como a pratería, a cerámica ou a cristalería serven a un propósito útil na vida diaria das persoas, xa sexa no culto, o servizo de mesa, de escritorio, de tocador, etc. Pola riqueza dos seus materiais e o aprecio histórico, os historiadores deste tipo de disciplinas adoitan preferir o termo “Artes Suntuarias”.
Autenticar a calidade e pureza de materiais
Tanto o ouro como a prata son metais nobres moi escasos na cortiza terrestre e de gran valor monetario. A necesidade da arte da pratería de autenticar constantemente a súa calidade e a súa pureza para evitar enganos e fraudes levou a finais da Idade Media a establecer polos gobernos europeos —en España mediante Real Pragmática dos Reis Católicos— un sistema de marcado que asegurase a autenticidade e a lexitimidade do material usado. Unha das características máis apaixonantes do estudo da arte da pratería é saber interpretar esas marcas, propias de cada prateiro e territorio.
Marcas de calidade do material
Hoxe en día aínda permanece de forma obrigatoria unha destas, a marca de calidade do material. Observando as súas xoias de prata e ouro, se son de primeira lei, poderán observar uns pequenos números gravados nalgunha parte destas. No caso da prata, deben buscar un “925”. Isto fai referencia a que o material ten unha pureza do 92,5% ou 925 milésimas de prata pura por cada gramo de material, sendo o resto habitualmente cobre. Esta coñécese como prata de 1ª lei ou prata esterlina. A prata pura non pode usarse en xoiería debido a que é demasiado branda e necesita aliarse con outro material. Por baixo da esterlina teriamos a prata de 2ª lei, con 800 milésimas de prata pura ou unha pureza do 80%.
O ouro
O ouro, ademais de máis escaso e caro, é un material máis brando que a prata e necesita aliarse cunha porcentaxe maior doutro material. O ouro de 1ª lei ou 18 kilates conta con 750 milésimas de ouro puro por cada gramo de material —o resto adoita ser cobre e prata—, é dicir unha pureza do 75%. É por iso polo que as xoias de ouro de 1ª lei levan gravado o número “750”. Por encima existe o ouro puro, de 24 kilates, demasiado brando para ser empregado en xoiería. Por baixo, o ouro de 2ª lei ou 14 kilates correspóndese coa marca “580” ou unha pureza do 58%. Tamén é conveniente distinguir que cando falamos de kilate podémonos referir a dúas unidades de medida distintas, kilate (k) con k, que procede da palabra inglesa karat, unidade de medida da pureza do ouro; e quilate (ct) con q, ou a unidade de medida de masa das pedras preciosas —nesta segunda acepción, un quilate sería 0,20 gramos de diamante—.
Outras marcas
Se observamos pezas históricas podemos atopar outras catro marcas. A primeira é a marca de prateiro e equivale á súa firma, composta normalmente por unha inicial e o seu apelido. As outras tres marcas refírense aos controis de calidade da prata. A marca de marcador ou ensaiador era estampada polo prateiro que cada Concello designaba para que velase pola calidade do material empregado polos artífices. Este realizaba unha proba coñecida como “ensaio”, mediante a cal determinaba que a peza era de prata ou ouro de lei, e se non o era, destruíase. Se era apta para a súa comercialización, o marcador estampaba a súa marca persoal —habitualmente inicial e apelido— e a marca da cidade, unha divisa particular de cada municipio. Mentres noutras cidades se mantivo unha marca máis ou menos fixa —en Coruña a Torre de Hércules, en Ourense o león sobre a ponte romana, etc.—, as marcas de Santiago foron cambiando sucesivamente cada século: un Santiago peregrino (XVI), unha cuncha (XVII), a urna apostólica (XVIII), o cáliz coa sagrada forma (XIX) e a propia palabra “Santiago” (XX). Por último, habería que aludir á marca cronolóxica, que se refire ao ano de feitura da peza, sendo moi útil para os historiadores.
O acibeche
O acibeche non é un material precioso, polo que non esixía controis tan exhaustivos, aínda que si era necesario que se asegurase a calidade e autenticidade de este, e que non se empregasen outros materiais similares como o lignito. Ao contrario do que se adoita pensar, non se trata dunha pedra senón dun mineraloide similar ao carbón, de orixe vexetal, producido durante o período Xurásico. O acibeche asturiano está considerado un dos de mellor calidade do mundo, polo que a maioría do material empregado en Compostela ao longo da historia procedeu desta rexión veciña.