Skip to main content

A aprendizaxe gremial de oficios: obradoiros e sagas de Santiago de Compostela

As sagas

O obradoiro era o centro de traballo e aprendizaxe do sistema gremial. Nel, un mestre dirixía a un equipo formado por oficiais —que aínda non superaran o exame de mestría para acceder a tal cargo e abrir obradoiro propio—, e aprendices, que pagaban ao mestre por aprender o oficio. O traballo de prateiro ou acibecheiro, como o da maioría dos gremios, estaba marcado por un claro carácter endogámico, e os fillos dos artífices formábanse a miúdo nos obradoiros paternos, continuando a saga familiar. Tamén era habitual que as fillas dos prateiros contraesen matrimonio con outros prateiros, que nalgúns casos pasaban a formar parte do obradoiro; ou que casasen con aprendices ou oficiais que xa estaban integrados no mesmo. Esta endogamia deu lugar ás grandes sagas que hoxe protagonizan a revisión histórica da pratería compostelá, como os Cedeira, de orixe portuguesa, fincados en Santiago durante os séculos XVI e XVII, ou as soadas familias de ourives composteláns do século XVIII: os Pecul, os Piedra ou os Bouillier. No século XIX resoan os apelidos dos Reboredo, Bermúdez, Rey ou Bacariza, e algúns con continuidade ata a actualidade, como os Lado ou os Otero.

Os aprendices

As pautas básicas comúns á aprendizaxe para todos os gremios composteláns son as seguintes: o aprendiz era que o que pagaba ao mestre, xa fose con diñeiro, especie ou traballo doméstico, mentres duraba a súa aprendizaxe. Esta cantidade, así como o tempo de contrato, tendía a subir co tempo, nun xesto por parte do gremio de endurecer a entrada de aspirantes e reducir o número de agremiados para asegurar traballo a todos. Os mestres facíanse cargo da manutención, vestido e calzado dos aprendices, que pasaban a vivir con eles. Comprometíanse a preparar aos seus alumnos para que superasen as probas acordadas, e se non era así, prorrogar o contrato. Do mesmo xeito, se o alumno se ausentaba, debía pagar ao mestre unha cantidade equiparable á do soldo dun bo oficial. Unha vez rematada a aprendizaxe, o aspirante presentaba solicitude de exame ao Concello de Santiago, quen dispoñía a proba, supervisada polo vedor do gremio e dous mestres. Xa aprobado, o artífice podía ingresar na confraría correspondente —San Eloi os prateiros, San Sebastián os acibecheiros— e abrir unha tenda. Este sistema de exame e consecución do título era o xeneralizado en toda España pola Real Pragmática de Carlos V de 1552.

Era habitual que os aprendices da maioría dos oficios tivesen unha natureza máis ou menos humilde, pero, con todo, os prateiros adoitaban proceder das clases medias urbanas, tendo en conta que o pago aos mestres nos contratos de aprendizaxe alcanzaba altas cotas de diñeiro con respecto ao resto de traballos, e non calquera familia podía permitirse eses estudos para os seus fillos. Tamén a remuneración que adquiriría o aprendiz unha vez que aprobado, puidese exercer o oficio, era superior á doutros gremios. Isto reflectíase no seu status social, máis elevado que outros traballos relacionados coas artes, e equiparable a arquitectos e escultores.

Exposición e venda

Sabemos que algúns artífices tiñan o obradoiro e a tenda no baixo da súa propia casa, aínda que os mellores prateiros podían alugar as tendas do claustro da Catedral na praza das Praterías, dependentes do cabido compostelán, e os acibecheiros as chamadas covachuelas da mesma institución, abertas á beira norte da Basílica, na rúa da Acibechería. No obradoiro por tanto traballábase a prata e o acibeche e tamén se vendía, polo que os artistas contaban cun lugar de exposición das pezas que a clientela podía adquirir directamente sen encargo. Outro lugar de exhibición e compravenda das súas pezas eran as feiras ás que acudían, xeralmente dentro da propia cidade ou en territorios próximos dentro de Galicia. No caso doutros gremios españois, foi habitual que se movesen en distancias maiores, tal é o caso dos prateiros cordobeses que tiveron gran presenza en feiras de toda a Península. Isto levou ao gremio de prateiros composteláns a protestar ante o Concello en varias ocasións, pedindo que se limitase a presenza de artistas foráneos na cidade para protexer o comercio local.