Skip to main content

Ferramentas, técnicas tradicionais e tipoloxías

Ferramentas e materiais

En canto ao aspecto das ferramentas e materiais empregados no obradoiro dun prateiro e acibecheiro, son poucos os datos na documentación histórica que permita facer unha recreación fiable. Nalgúns deles como inventarios ou testamentos menciónanse un banco de madeira, a forxa ou fragua, o torno, mobiliario diverso —banquetas, tallos, andeis, aparadores— e todo tipo de ferramentas —foles, bigornias, picheis, caldeiros, escudelas, tenaces, burís, limas, ciceis, brunidores, martelos, balanzas, tesoiras ou moldes—.

As técnicas

As principais técnicas que se empregan na arte da pratería son as seguintes: en primeiro lugar, o fundido á cera perdida, cun molde de cera macho mediante o cal se consegue facer un molde femia sobre o cal envorcar a prata e ouro fundidos e realizar copias en serie. Trátase do mesmo procedemento que se empregou na historia da arte para reproducir grandes esculturas en bronce, e que se segue empregando hoxe de forma moi habitual na xoiería para producir pequenas pezas. En segundo lugar teriamos o torneado, ou darlle forma á peza mediante o torno —pensemos, por exemplo, no hastil dun cáliz—. En terceiro lugar, o cicelado e o repuxado, ou labrar os relevos decorativos mediante un cicel son as técnicas máis habituais. A diferenza estriba en que o cicelado se efectúa en positivo, polo anverso da peza, e o repuxado en negativo, polo reverso, de forma que se afunde o volume que despois sobresairá pola cara principal da peza. Esta operación efectúase sobre un lacre que se quenta e abranda, sobre o cal o prateiro dispón o ferro de prata que vai repuxando cun pequeno cicel e un martelo. Podemos dicir, por tanto, que o repuxado constitúe unha técnica propia e característica da arte da pratería, e onde os artífices adoitan despregar a súa particular mestría. Finalmente, o prateiro pode levar a cabo o calado ou cuñado dalgunhas partes para conseguir efectos decorativos, así como o brunido da peza que asegura conseguir todo o brillo posible do material, operación que se realiza cunha pedra de ágata.

Tamén debemos aludir á arte da filigrana, especialmente empregada en pequenas pezas ou xoiería, e que se refire á creación de obras mediante un fino fío de prata ou ouro que se vai retorcendo e entrelazando sobre si mesmo para conseguir a composición da obra. En calquera peza, tamén habería que contemplar a posibilidade do sobredourado ou baño de ouro, o esmaltado ou o engastado de pedras preciosas ou outros materiais como perlas, nácar ou por suposto, acibeche. O acibeche, pola súa propia natureza de material fráxil, tendente a racharse, require de moita destreza para a súa manufactura, a través, principalmente, da técnica do tallado mediante gubias e coitelos ou pequenos tornos, para o seu posterior pulido.

Tipoloxías

Pezas relixiosas

En canto ás tipoloxías, as pezas de ourivaría pódense subdividir en dous grandes grupos, as relixiosas e as civís. Entre as primeiras, as máis habituais son as chamadas de pontifical ou servizo de misa: cálices coa súa patena, copóns —para as hostias—, viñateiras —para o viño e a auga—, incensarios —como o botafumeiro, pero de pequeno tamaño—, navetas —pezas en forma de barco para gardar o incenso, coa súa culleriña—, palmatorias —para encaixar velas— ou despabiadeiras —para cortar o pabío ou mecha—. De procesión e de gran tamaño e vistosidade, sobresaen as cruces parroquiais e os ostensorios, onde se expón a Sagrada Forma para a súa adoración, e os acetres —caldeiros para a auga bendita, que se esparexe cun hisopo—. De devoción teriamos as figuras de santos e os relicarios, mentres que de mobiliario podemos mencionar os sagrarios e as lámpadas.

Pezas civiles

En canto ás pezas civís, son moito máis heteroxéneas e responden a usos moi diversos. Entre estas destacan as bandexas, que adoitaban ser as obras máis apreciadas en agasallos, xunto con xogos de vaixela, xogos de cubertos, xerras ou xogos de café ou chocolate. Tamén de gran estima podemos mencionar os xogos de tocador con distintos frascos, peites e espellos, así como xoieiros e caixas de variada natureza. Por suposto, non faltarían os candeeiros e candelabros, floreiros, cinceiros ou cigarreiras. Unha peza curiosa e moi común, a camiño entre o relixioso e o civil, son as benditeiras ou pequenas pilas de auga bendita que se colgaban á beira da porta para persignarse ao entrar e saír de casa.

Xoiería

Mención á parte merece a xoiería, xa que, aínda que a tendencia ao longo do século XX foi unir ambas as especialidades, historicamente o oficio de xoieiro non era o mesmo que o do prateiro, e evolucionaron de forma distinta dependendo do territorio. Ademais das tipoloxías habituais de xoias que todos coñecemos, no caso da tradición galega debemos destacar os sapos —pectorais ou colgantes— e os brincos ou arracadas de argola —en ambos casos pendentes—. Estas pezas son habitualmente realizadas en filigrana de ouro e prata, con incrustacións de acibeche. Entre as pezas propiamente deste mineral, destacan as figas ou pequenos amuletos en forma de man que se prendían do pescozo ou da roupa. Podemos testemuñar o seu uso nos cadros de época, como o do príncipe Felipe Próspero de Diego Velázquez, onde varias figas protexen ao herdeiro do mal de ollo.