Skip to main content

Prata e acibeche como recordo da peregrinación a Santiago: os primeiros "souvenirs" da historia

A cuncha

Hoxe en día a pratería e o acibeche son un dos souvenirs máis escollidos polos peregrinos polo seu carácter de artesanía tradicional e identitaria da cidade compostelá. O que moitos turistas ignoran é que están a seguir os pasos dos peregrinos primitivos que, na Idade Media, levaban un recordo da súa viaxe espiritual, habitualmente unha cuncha que, aínda que comezou sendo unha vieira auténtica, pronto pasou a labrarse en prata e acibeche e a especializarse como produto artesanal. A cuncha erixiuse como elemento distintivo da peregrinación a Santiago, así como o homólogo en Xerusalén era a palma, que os —por iso chamados— palmeiros arrincaban dos xardíns hierosolimitanos. Do mesmo xeito que a palma, a cuncha era un elemento abundante e barato. Como sinalou no seu momento Manuel Rabanal, no noso idioma galego deuse a poética coincidencia de que, segundo a evolución lingüística, dous termos semánticos afastados coincidisen en forma, como son vieira: cuncha, e vieiro: camiño.

A asociación da cuncha co Camiño de Santiago estímase entre o 1099 e o 1106, xa que contamos cunha lenda datada nese último ano onde xa se denota tal costume. As primeiras noticias documentadas atopámolas no propio Códice Calixtino (ca. 1160). No Libro 1, correspondente á liturxia, alúdese á cuncha como lembranza que os peregrinos levan de Compostela. No libro 2, referente aos milagres de Santiago, cítase unha lenda sobre un cabaleiro en Apulia que foi curado dunha grave doenza grazas ao poder taumatúrxico dunha cuncha traída de Compostela por un veciño como recordo da peregrinación —temos, de novo, a idea lembranza do Camiño—. Ademais, existe un segundo milagre asociado ao Apóstolo e a vieira, recollida en fontes como Sagrario de Molina (1550) ou Castellá Ferrer (1610), que se refire a un cabaleiro salvado do afogamento na vila de Bouzas, no océano Atlántico, emerxendo cuberto de cunchas ao paso da embarcación que transportaba o corpo de Santiago a Galicia. No Libro 3 do Calixtino noméanse as buguinas, outro tipo de cuncha, como protectoras dos mariñeiros por intercesión do Apóstolo.

Os concheiros

A necesidade de prover destas cunchas aos peregrinos materializouse nun gremio propio en Compostela, o dos concheiros. Volvendo ao Calixtino, no libro 5, ao describir a cidade de Santiago, fálase do comercio deste tipo de recordos na actual praza da Inmaculada —rúa da Acibechería—, que por tanto sabemos, existiu desde o principio do propio Camiño. Paulatinamente as cunchas empezaron a tallarse en acibeche, e as máis exquisitas en prata. Prateiros e acibecheiros asimilaron ao lendario gremio de concheiros e inmortalizaron as cunchas de vieira en materiais suntuarios.

Souvenirs con significación especial

Os souvenirs son importantes para o visitante porque conxelan no tempo unha experiencia intanxible e tráena de volta ao presente. En Santiago, como meta do Camiño, temos ademais unha significación especial ou confluencia metafórica, porque a orixe do obxecto está ligado ao propio concepto de peregrinación medieval, como material testemuñal dun lugar sacro, e como recordo do esforzo do peregrino. É por iso polo que a pratería e o acibeche xogaron un papel fundamental na historia do Camiño, e continúano facendo para aqueles peregrinos e visitantes que apostan pola autenticidade da artesanía forxada á calor dunha tradición compostelá milenaria.